Wednesday 15 de May de 2024

Frades abre a inscrición no concurso de disfraces de Entroido, que repartirá máis de mil euros en premios o domingo 26 de febreiro


As inscricións poderán formalizarse no Concello ou no 981 695 567 antes do venres 24 de febreiro. Non se admitirán anotacións o día do concurso

O Concello de Frades abre o prazo de inscrición no seu tradicional concurso de disfraces, que terá lugar o domingo 26 de febreiro, ás 17:00 horas, no pavillón municipal de Ponte Carreira. Un concurso aberto a todos cantos se anoten no Concello de Frades ou no teléfono 981 695 567 antes das 14:00 horas do venres 24 de febreiro, xa que non se aceptarán inscricións o mesmo día do concurso.

O Concello de Frades incrementará este ano a cantidade destinada a premios ao engadir un novo Premio Especial ao mellor disfrace individual ou de grupo do municipio. Se o ano pasado se creaba un primeiro premio de 120 euros, nesta ocasión sumarase un segundo premio de 60 euros, de xeito que o Concello de Frades repartirá máis dun milleiro de euros en premios.

Premios

Polo demais, o concurso mantén as dúas categorías: infantil (ata 14 anos) e adultos (máis de 14 anos); e dúas modalidades: individual (1 ou 2 compoñentes) e grupos (máis de dous compoñentes). O xurado, que premiará os dous mellores disfraces de cada categoría, lembra que se nun grupo infantil hai un adulto, a agrupación pasará de xeito automático a competir na categoría de adultos.

Haberá premios de 300 e de 150 euros para os dous mellores grupos adultos; así como 100 e 50 euros na categoría individual. Na categoría infantil, os dous gañadores do concurso de grupos levarán 100 e 50 euros, respectivamente; mentres que os gañadores do concurso individual infantil levarán 60 e 30 euros. Os dorsais dos participantes poderán recollerse no propio pavillón polideportivo de Ponte Carreira a partir das 16:30 horas.

Durante toda a tarde, o pavillón municipal de Ponte Carreira acollerá tamén unha gran festa de animación con xogos, inchables, obradoiros, música e unha gran chocolatada, á que este ano haberá que engadir a presenza de mascotas, palomiteiro e un posto de algodón de azucre. Unha festa na que o Concello de Frades conta coa colaboración da ANPA O Fopo do CPI Ponte Carrera.